vivimos, sen dúbida, tempos de cambio: máis dun mes que non chove dentro da nosa xeografía, China, cos seus dous sistemas un país, comercializará arroz transxénico, a Pin torcéuselle o dedo dun pe (dicir que é un cambio practicamente imperceptible, pero coido que a dor é o suficientemente perceptible como para facer fincapé no cambio. Todo é unha cuestión de perspectivas).
Pero, alén deste clima case que apocalíptico e estas transxenéticas variacións dos alimentos, que pasarán por volverse contra nós, facendo como na película das lesmas xigantes ou como no ataque dos ultracorpos, hai outras varacións menos agresivas, as que semanalmente, coido, nos trae a revista das letras, desta volta adicada a Ted Hudghes (aquel que se arrimaba a outras mulleres aínda despois de casar con Sylvia Plath), e estes cambios son os que fan dunha tarde estraña como hoxe un momento de entrañable disfrute e de agradable lectura.
E nesto estou a matinar xusto agora, que teño a OMC nunha parte do cerebro e a manifestación do 19 noutro curruncho inóspito do meu infrautilizado instrumento para a reflexión e o raciocinio.
Se tedes un momento, e tédelo senón non estariades a ler isto, parádevos un intre a ollar pola fiestra (como no ferriniano 'crepúsculo e as formigas') tentado escoitar as conversas de quen camiña, parándovos nas expresións particulares dos seus rostros, logo mirade para a estraña luz deste outono desprovisto de outono e se cadra chegaredes á mesma conclusión ca min. Vivimos nun tempo de cambio.
2 comentários:
Boa lúa,
despois de cinco días saíndo compulsivamente por Compostela (así estou hoxe) só che veño dicir que me chames (chámame ti, que eu son estudando!) para tomar algo.
Un beixo inmenso enorme desmedido.
Alicia
Ai deus: estudante.
(Deixarei o alcol xa...)
Postar um comentário