Quarta-feira, Novembro 30, 2005

Feliz e sangrando

Os meus tacóns son tabúes líquidos
esta mañá mamá taladra as paredes con
cancións de misa, rezos con ritmos, pantasmas sacras

que colgabamos na porta da entrada,
ningún anxo.

Quere luci-los cadros e perderse
nos camiños construídos durante todos estes anos
a base de óleo e cedras de pelo de marta grumbacher

dos pinceis traídos de América,
irremprazables.

Daquela só había un sitio para min

colgábame do pescozo o colexio de monxas
repuxado dentro da medalla que gañara por méritos propios:
silencio e bo comportamento.


Esta é unha historia terrible áceda e suxa
pero ata que unha non canta en altonon descobre os pecados:
deixarei caer o vestido

para manchar as follas
será igual de noxento que pensar no bolo alimenticio
baixando a gorxa cada vez máis enorme penetrando
o estómago nos libros de quinto;
así é como maría jesús frega as escaleiras e coida a portería
mentres sor custodia atende a secretaría

chegan rumores de que a literatura en oitavo vai ser difícil:
non deixa poñer as tildes os puntos e as comas
ata o final do dictado.


Agora sei que todo o que escoitei naqueles días perdidos
era mentira.O único que permanece indescifrable é o que ocorría dentro
do ximnasio ós mediodías e a vez que eugenia me ensinou
un pube incríblemente hirsuto ós once.


Tiven que escribir mil veces o meu nome antes de coñecerte

termita e pobre
porque o mundo vai por partes e esta relixión

digan o que digan
canta no inferno
coñece a tristeza de despois do sexo pero iso é un segredo
e tamén estes tacóns suxos do sábado mencendo.



Ana Cibeira

0 comentários: