Quinta-feira, Janeiro 27, 2005

Máis no foro


hai máis contidos de interese no foro e tamén na Axenda Galega

para quen ande por compostela estes días:
Apresentación de 'sangue sobre silenzo'
O bar Garum, despois do día robert burns, comeza unhas xornadas sobre viños portugueses

en ferrol:
Charlas organizadas por Unión Libertaria
Actividades da Fundaçóm Artábria

e máis...




sempre coidei que as rúas tiñan sentido




E teñen


Did you know this bag of Krisprolls is part of a family?

O andar buscando traballo levoume a caer en mans do capital, fun parar onde a Editorial Planeta en Vigo. Supoño que o capital é igual en todas partes, pero se o xuntamos coa arrogancia e a tontería españolas pois a cousa convértese nun auténtico sen sentido.
Eu non sabía que Platena comprara a editorial portuguesa Quixote, pois que sirva de aviso para os traballadores e traballadoras, porque han ser despedidos en breve. Alédome, agora, de non formar parte da grande familia de despropósitos. Por outra banda, libros como A casa dos budas ditosos, do que xa falei noutras ocasións, non han ser publicados máis por esa editorial, que vai mudar de liña para traducir o que Planeta publica no Estado Español, iso si 'aportuguesando' os contidos.
A verdade é que sinto vergoña de min mesmo, a parte da allea, por ir parar a estes antros.

Terça-feira, Janeiro 25, 2005

Pensaba


Onte falaba das miñas preferencias literarias, que coido responden máis ao meu modo de ver a evolución da literatura que a unha mera cuestión de gusto. En canto ás virtudes que comentaba onte, perfectamente cuestionables (incluso eu as cuestiono ás veces), considéroas importantes, por unha banda para rachar co actual sistema editorial de homoxeneizar os gustos do lector con fórmulas maxistrais repetidas volume tras volume e que rematan nunha produción literaria detestable, non falando en termos de calidade, xa que sinto un forte desprezo por esas consideracións, senón porque elimina todo o que, ao meu modo de ver, representa a literatura, que non é máis que imaxinación, dinamismo e mensaxe (lonxe do aleccionamento, que produciría efectos contrarios aos desexados), por outra banda para atraer a unha sociedade que prescinde absolutamente da literatura por considerala tediosa.

Para min existen dúas ideas que cómpre ter en conta para salvar a literatura, rachar co formalismo do texto e procurar a humanización do autor, eliminando as distancias que o separan do público, distancias que só favorecen o seu ego de escritor/a.

O estilo cinematográfico, detestado polas vacas sagradas da literatura, ao meu modo de ver, cumpre coas virtudes que eu destaco. Fomentar a diversidade de estilos, formas e contidos é o único xeito de recuperar o interese da sociedade.

Coido que o importante é facer que se lea, porque os lectores evolucionan e chegan a todos os estilos e formas de escribir, pero para iso hai que propoñerlles un material suxerinte. El mesmo é quen de establecer un criterio propio, sen precisar alguén que lle diga o que é ‘bon’ e ‘malo’, sobre todo se ese bon e malo responden sinxelamente a intereses mercantilistas.

Segunda-feira, Janeiro 24, 2005

lapidación indolora

a lapidación indolora non está aínda inventada, pero afortunadamente para os occidentais si está inventada a cegueira que complementa á xordomudez.

para continuar con algo que non garda relación


deito o verso
espallándoo polo asfalto enxoito
baixo os pasos do tatlin
como bicos ao meu subconsciente

logo falo por falar
e sen pensalo
descubro un sentido


Algo que adorei sempre na literatura é a brevidade, virtude que poucos logran desenrolar, supoño que debido ao egocentrísmo do escritor. A literatura, sempre dende o meu punto de vista, debe ser cómica, sarcástica, dinámica, fascinante... bastante lonxe do que se adoita facer. Nesta teima miña por prescindir do que me resulta pouco suxerente, durante moito tempo prescindín da literatura galega, sobre todo cando comprendín absolutamente que un 'Polaroid' ou un 'Tictac' non poderían ser creados neste país, polo menos en moito tempo. Despois descubrín 'Un baile de moscas' e resucitei ese meu interese perdido, que sufríu un receso ao coñecer parcialmente a obra de Rubém Fonseca, despois lin a Tabares e a náusea sobreveu, tampouco é que lle dera moita opción ao meu pobre. Agora teño entre mans a Hilda Hilst, na que repousan as miñas mellores espectativas. Agardo non ser defraudado.
Pero todo isto lévame a pensar, como un tipo como Foseca, con máis de cincuenta anos de traxectoria, pode escribir con esa frescura e nós, cunha canteira emerxente de potencialidades, continuemos a mesturarnos coa escura sobriedade do que non ten motivacións para crear algo novo? No meu caso, as creacións son dolorosas, rara vez conquiro o pretendido, culpando absurdamente á miña falta de profesionalidade e ao meu escuro talante.
Continúo a pensar.

Domingo, Janeiro 23, 2005

Día Robert Burns

A cultura lévase mellor con música, comida e alcol. Iso é o que pensan polo menos os escoceses, que adican o 25 de xaneiro a un dos seus poetas destacados, Robert Burns.
Nestes eventos, alén do populismo gastronómico, é a cultura a que motiva as enchentas. Isto lémbrame a magnífica torta de carne que portou Alberto Augusto Miranda ao Filo Café de Porto, hai xa algunhas semanas.


Ben, sobre isto tendes información no foro do blog



Sábado, Janeiro 22, 2005

Sangue sobre silenzo

BRAIS GONZÁLEZ PÉREZ
apresenta o seu libro:

"
Sangue sobre silenzo"

O Venres 28 de XANEIRO na Galería Sargadelos de Santiago (Rúa Nova, 16), ás 20:00h.

APRESENTACIÓN que contará coa intervención de Xiao Roel (catedrático de latín en Vigo), Antón Figueroa (catedrático de filoloxía francesa na U.S.C) e Euloxio R. Ruibal (presidente da Asociación de Escritores en Lingua Galega).



Descoñezo como está sendo a distribución do libro, coido que non será doado de atopar para moit@s de vós que esteades interesad@s, pero en Andel Virtual podedes compralo recibíndoo por correio ordinario en poucos días.
Hai máis información sobre todo isto no foro do blog.




fotos

Como veredes, temos un novo apartado chamado álbume de fotos. Está na sección de enderezos de interese. Pódense colgar fotos, aínda que o procedemento non é inmediato, comentalas e pouco máis, pero coido que este novo elemento pode facer un chisco máis vivo o blog, o cal dentro das miñas limitadas capacidades como webmaster pois resulta xa todo un logro.
Onte tiven unha tentación que se cadra hoxe se materializa. Estiven a ver a nova banda deseñada do Superman Rojo, teoricamente a historia do super heroe que no canto de caer nos USA cae na Ucrania Soviética. Xa vos contarei se é que me deixo levar esta debilidade.

Quinta-feira, Janeiro 20, 2005

Lugo



Coido non ter falado moito sobre os meus tempos en Lugo. Se cadra colguei xa algún poema da serie 'resiste primavera' de cando vivía na luguesa rúa primavera.

Hai unha luguesa asociación pola defensa da lingua, alto minho que ten unha nova convocatoria, que trancrebo:

Banda de Gaitas como Dios manda
O Entruido já esta ahi. Alto Minho fai uma proposta aberta a toda a gente para participar na “Banda de Gaitas como Dios manda“. Para participar, acude ao local (rua catassol,nº15) na terça-feira 25 às 20:30h. http://www.altominho.org/local.htm

Lembro ter participado con eles nalgún acto, o de ter vivido con eles tamén inflúe neste feito. Lembro tamén o matraquiño.

Ben, acudide a facela festa, coido que ha pagar a pena.



falamos

Ultimamente recréome compracido no pensamento de que hai cousas, sobre as persoas que quero, das que nunca saberei nada. Do xusto e necesario que isto é. Tamén penso que hai momentos nos que disfrutamos creando un personaxe distinto ao que somos realmente, sendo logo complexo voltar á realidade. Isto me acontece neses momentos nos que debo decidir un camiño para a miña carreira profesional. Levo tanto tempo vivindo na irrealidade do personaxe que creei para min, que non son quen de apreciar o que son realmente. Son case hiperreal.

Non entendo as miserias humanas das que eu son tamén partícipe, non entendo a razón de ser dos intereses partidistas, entendo apenas a cegueira, entendo de comodidades e outros luxos, de fame e frío... entendo que non sei nada sobre ningún asunto relevante ou irrelevante.

Como confesión direi que soño con Hong Kong e Maggie Cheung acotío, pero entendo que nesa miña outra vida non hai espazo para todo isto, tan só para un pedazo de miseria máis con nome de conta bancaria.

O día 18 de febreiro vai haber un filo café en Lisboa, no que se presentarán os libros:

A cegueira do propício de Alexandre Teixeira Mendes
Botar o mar polos ollos de Alicia Fernandez (Galiza)
Na Terra de Genoveva de Aurelino Costa
Antologia Poética de Basilio Cañada (Madrid)

Cómpre anotarse, por iso do aloxamento e demais, incomunidade@yahoo.com.ar

Coido que todos deberiamos ir a un filo café polo menos unha vez na vida. Tomarse unhas cañas e escoitar. Deberiamos escoitar polo menos unha vez na vida. O problema de escoitar é que unha vez feito, corremos o risco de non querer falar nunca máis.


Quarta-feira, Janeiro 19, 2005

a interacción

O meu gozo nun pozo. Semella que o único xeito de facer interactuar ás persoas, lograr que perdan os seus medos, conséguese por medio dos insultos, ou do que moitos consideran como tal. Será que debo adicarme a outras cousas, será que existen oustros métodos de evasión cos que os individuos recuperan os seus instintos.
Debo confesar que eu sufro das mesmas debilidades. Comecei a ler o blog de Jaureguizar despois da pequena polémica xurdida no blog dos Radicalistas. Doutro xeito, probablemente nunca lle prestaría nin a máis mínima atención.
A verdade é que temos unha facilidade enorme para cheirar o sangue a leguas. Pero ben, en canto perdemos as formas, volvéndonos os seres primitivos nos que nos convertemos ás veces, sempre aparece algún listo, que ate entón permanecera agazapado na súa trincheira, que lle dá por afirmar, con toda a seguridade que proporciona crerse un intelectual, que se tivemos unha infancia desta ou doutra maneira, o cal vén sendo a razón pola que renegamos da autoridade... Isto, por estúpido que pareza, descrebe un feito real, afortunadamente eu non estaba presente, senón habían coñecer os verdadeiros instintos.
Porque a verdade é que o maior perigo que existe é deixar o mundo en mans dos intelectuais, persoas que comunmente desprecian todo contacto coa sociedade e que no momento menos pensado aparecen coas súas máximas para salvar a humanidade.
Pero ben, non confundamos, hai sempre aos que lles dán en chamar, erroneamente, intelectuais tratándose tan só de persoas intelixentes. Desas tamén hai.
Pola miña banda, como non son nin un nin outro, dedícome ás tentativas de interacción entre lectores asiduos e casuais, con máis ben pobre resultados. Malia todo, non me farán desistir.
Agora que me plantexo seriamente reconducir a miña vida profesional... ben, esa é outra historia...
alén dos radicalistas e do Jaureguizar hai aludidos, como carezo unha liña de teléfono para ofrecer, sírvanse de comentar a pracer. Ollo coas enchentas!

Terça-feira, Janeiro 18, 2005

que cada quen escolla a súa fórmula


No ímpetu por facer este blog o máis interactivo posible, eis unhas sentenzas polas que cada un deberá escoller a ou as que lle acaian mellor.

O coito como castigo pola felicidade de estarmos xuntos. Franz Kafka

O coito é o castigo pola felicidade de estar só...

O coito é o castigo polo temor a estar soa...

O coito era o castigo pola infidelidade...

O coito é o castigo por non atreverse a ser feliz...

O coito é o castigo por escapar do tempo, por odiar o silencio, por temer a vida...

O coito é o castigo por non atreverse a ser orixinal, único, diferente...

O coito é o castigo por adulterar a soidade...

O coito é o castigo por necesitar unha testemuña humana...

O coito é o castigo pola felicidade de existir...

O coito non é o único castigo...

Extraídas de Xeo e lume. Andrea Dworkin




Segunda-feira, Janeiro 17, 2005

Buh, tío, de puta madre, tío

Real como a vida mesma, sobre isto hai historias e historias. Quen na súa vida sufrío algún oes, tío, son legal, tío...de puta madre, tío.

'O noso amigo M aparece nese momento, é un destes hippies pacifistas supertraquilos, branco, co pelo longo recollido nunha coleta. Oes, tío -di- oes, tío, oes, tío, imos facer a paz e non a guerra, sexamos amigos, tío, imos fumar un pouco. Invítanos a entrar no noso baixo. Os homes séntanse en círculo no salón, a porta de entrada queda aberta de par en par. Oes, tío, veña, estas rapaciñas son legais. Oes, tío, veña, estas rapaciñas son legais. Oes, tío, veña, teñounha herba boa, imos acougar tío fumemos un pouco de herba xuntos tío estas rapaciñas son legais tío. Pasa unha cachinba, pasa porros... é unha cerimonia solemne. Imos entrar a pillas estas rapazas cando queiramos tío. Oes, tío, veña, tío estas rapazas son legais, tío, non te metas con estas rapaciñas tío son legais tío. A cachimba dá voltas e máis voltas. Os veciños acougan. As ameazas cesan. M deléitase co que consegue como pacificador coa súa onda, o seu legal e a súa coleta. Oes, tío cando queiras un pouco de herba só tes que vir onda min tío deixa estas rapaciñas en paz tío herba e paz tío, xa sabes, tío.'
Xeo e Lume. Andrea Dworkin.
Edicións Xerais. 2001

Domingo, Janeiro 16, 2005

decidir o sal

debe ser a tanta altura
nas rochas dunha casa preciosa
entre augas loitando

que cando a luz falta
prende a illa ó corpo en diagonal extenso
sobre as sabas de-leite fóra
do colchón inoxidable

non hai soidade
pero cicatrices efímeras
do algodón no rostro

as coxas abertas respiran temperatura
sangrando algo cremoso
e o liño da cápsula acariña
o embigo ácedo e erecto
desexoso da erupción tersísima

a piques non minte a escuridade
sí a humidosa hora que a estala

e a entrada no mar abundante
mata o terror de atoparse


Nana Coromoto



Sábado, Janeiro 15, 2005

democrazia totalitaria

O venres fun a Allariz, estiven convidado a un programa de Radio Allariz que se chama Totum Revolutum, creo recordar, tratouse dunha experiencia agradable por moitas razóns, pero o caso foi que entre outras cousas falamos da cidade e, chegado un punto, comentei unha das miñas aficcións que é pasear polas rúas. Cando camiño, así sen rumbo, adoito escoitar as conversas da xente, coido que é un xeito extraordinario para coñecer en que país adoitamos vivir. Normalmente comento para min, ou non tanto, o que respondería no caso de estar inmerso no debate. Hoxe, volvendo do cinema, escoitei unha desas xoias aclaratorias que cómpre ter sempre en conta, para logo non levarnos sorpresas indesexadas:
'la democracia lo único que hace es amparar a vagos y maleantes'.
Creo que a frase fala por si mesma.
Se pensa iso dunha democracia totalitaria como na que vivimos, que pensaría dunha verdadeira democracia? E o que resulta máis importante que fai 'la unión de los demócratas' para correxir estas oveichas descarriadas, que fan que non lles len a súa constitución? Se cadra se es un fascista nostálxico da dictadura, tradicional votante da dereita que todos coñecemos, non se che debe aplicar a lei antiterrorista, pero se buscas ampliar os campos da democracia hai que procurarche un paredón de dimensións inimaxinables.
Déixovos pensando, que diría Ameliè.


novos contidos do foro


dende diferentes puntos do mundo mundial, chegan os novos contidos do foro.
desta volta habemos rir un chisco

chegar, onde?

Xa hai días que non baixo comprar o pan. A verdade é que estou ate o carallo de comer pan, das patacas hai tempo que reneguei, entre outras cousas porque estou en contra do seu cultivo, por agresivo e porque a aparición da pataca desprazou, co seu consumo, a outros productos con fonda raigame, e non se trata só de certa nostalxia polo tradicional, senón que incide, como o monocultivo, na reducción da diversidade alimentaria.
Chegou un momento que os galegos, como galegos e galegas, pensamos en pan e en patacas case que exclusivamente.
Hoxe hei comer pasta. O problema da past aquí é outro. Hai moi pouca xente que saiba facer pasta, defeito hai pouca xente que faga outra cousa alén de engadirlle tomate de bote e unha lata de atún. Isto lémbrame aos menus que tiñamos en Italia a base de pasta. En Italia os priemiros pratos eran sempre de pasta, podíase omer pasta durante dúas ou tres semanas sen repetir nin unha soa receita. Lembro especialmente unha na que se fritían unhas ovas de peixe cun chisco de allo (as ovas viñan envoltas, a verdade é que non lembro como se chamaban. O formato era con forma de tixolo, moi compactadas e semellaban afumadas ou algo semellante. Posuían un forte sabor salgado que facía que non se puidese abusar na súa utilización). Ese refrito mesturábase coa parta cocida al dente, o que quer dicir, non demasiado cocida. Para conseguir ese efecto coa pasta é mellor utilizala fresca, ou o máis fresca posible ou polo contrario cocela moi pouco, no momento que ao partila comeza perder ese tono branco intenso da cerna.
Con tan poucos ingredientes podemos pensar que se trata dunha comida moi pouco alimenticia, pois ben, supoño que si, pero esta dun bo.
Para a xente máis audaz, sempre se adoitaba acompañar cunhas pingas de aceite no que previamente s deixaba a macerar pemento picante, porporcionándolle ao verde das olivas un certo ton vermello.
Pero neste punto, case que cómpre introducir o aceite... ben pero iso mellor para outro momento, se cadra explicareivos porque o aceite italiano é mellor, en termos xerais, que o español. Non son razóns de Estado, son razóns estrictamente técnicas.







Quinta-feira, Janeiro 13, 2005

fico, pensando

A un día de coller o avión decidín, unha vez máis, tentar á sorte. Irlanda pode agardar, se cadra é un erro, se cadra non. Saberémolo en próximas entregas.

No se vayan todavía aún hay más.

No olviden supervitaminarse y supermineralizarse.




O Sábado 29 de Xaneiro, ás 20 horas no
Centro Social 'A Treu', Rúa San Xosé 12, A Coruña.

Recital coa participación de:
Cruz Martínez
Miguel Vento
Alicia Fernández
Luis Viñas
Xavier Vázques Freire
Diego Villar
Alberte Momán
Ângelo Pineda
Celso Álvarez-Cáccamo
Ramiro Vidal


Quarta-feira, Janeiro 12, 2005

Zoonose

cada día saco a lingua con máis forza
con ela aspiro
mordo
plastifico
o eco que recolle acompasado
partículas de terra
nos fíos que nos atan cada febra
a lingua loce verde e rasca
racha voces frementes
a lingua é o sangue concentrado que me forma
mans de latido marxinal


María Comesaña Besteiros. Zoonose
Gañador do XVI Premio de Poesía
Eusebio Lorenzo Baleirón.
Publicado por Edicións do Castro. 2004


Terça-feira, Janeiro 11, 2005

Galiza contra a Constituiçom Europeia

Na páxina de Ramiro Vidal tendes comprida información sobre unhas xornadas onde se debaterás diversos temas acerca desta nova 'constitución' europea.
Celebraránse 20, 21 e 22 de xaneiro na faculdade de Arte, Xeografía e Historia de Compostela.
Salientar a importancia do debate nestes eidos, xa non só para esclarecer temas polémicos como esta mal chamada constitución, senón porque poden significar puntos de encontro entre os diferentes modos de ver a esquerda e o nacionalismo neste país (e noutros, claro, todo o mundo fica convidado).

ratas 1 - españolismo 0

Entre as distintas tendencias imperialistas que existen no mundo, é ben coñecida entre tod@s @s que visitades esta bitácora a do nacionalismo español, coa súa teima en negar as evidentes diferencias culturais, positivamente alén do folclorismo institucional, que existen entre os pobos do Estado. Neste sentido, semella que ate as ratas superan en sensibilidade e intelixencia á dos imperialismos varios.

Segunda-feira, Janeiro 10, 2005

constitución europea?


Luís Villares Naveira, licenciado en dereito, cuestiónase, en contra da propaganda institucional que opta polo si á constitución europea, se procede ou non adoptar este tratado que nos vén dende europa.

A continuación ofrécense unha claves do contido do artigo:

'O primeiro recelo que suscita o texto é a teima en denominalo “Constitución”, cando non o é. Estamos perante unha interesada perversión semántica que busca dotar de apariencia democrática un proceso de integración fondamente despótico'.


'O TI non garante, nen sequer recoñece, os nosos dereitos colectivos como nación'.

'a atribución e distribución institucional das competencias derivadas do TI revélase antitética dos procesos democráticos de toma de decisións'

dende unha perspectiva de clase, o TI non avanza no recoñecemento ou mellora dos dereitos colectivos das clases traballadoras

Artigo completo no foro.

alerta, fisionomía!

Apreciando fisionomías prohibidas.
Para os que recomendaron o meu libro este nadal, grazas por fomentar o consumo de consumibles en desuso.
Pequenas e separadas, hai moita ironía en todo isto, a timidez e o desexo nun mesmo sorriso. Amo tamén a inocencia pervertida, aos poucos.
Apúntome, onde se collen as entradas?- pregunto coñecendo ben a resposta. Hainos con sorte e hainos aos que non lles cabe no pantalón, o resto sobreviven mellor ou peor, picando entre comidas. Pero o caso sempre foi non levar gholpes.
A soidade tamén posúe os seus momentos intensos, intensos de autocompracencia, pero a motivación é outra, sempre é outra ao ser a compañía a que nos induce a deixar definitivamente de ser nós para ser el ou ela antes do orgasmo. A autocompracencia é egoismo, trátase da aglutinación do desexo nun corpo só. As diferencias son notables, sen despreciar ningunha sensación permitídeme que me decante por ofrecer, ofrecer porque a recompensa está implícita no contexto.
Un biquiño.




Imaxe de Baciar sacado de Enfocarte.com

Sexta-feira, Janeiro 07, 2005

a cabeceira



do VisualObxectual, que á súa vez extractou doutro, deses de cabeceira.

Quinta-feira, Janeiro 06, 2005

Os fillos de Erín

O cerco péchase e resulta moi probable que o 13 de xaneiro marche para Dublín. Tentei atopar un traballo en Galiza pero, resulta sinxelamente complexo, así que, de non cambiar as cousas, saudareivos a partir da data da viaxe dende terras irmáns.

Pouco máis para esta mañá festiva.


Quarta-feira, Janeiro 05, 2005

REVOLUÇÃO

Vivo remando no escuro. Às vezes, o barco some sob os meus pés. Então eu desço com meus pés de barro, com meus sapatos de luas... e o rio carrega minha alma em sua perenidade. Mais adiante, um pássaro canta para a manhã que vai chegar...

Lau Siqueira



Terça-feira, Janeiro 04, 2005

agora que todo é posible

sube a bordo
as pernas sosteranme
por vez primeira

peneirei a terra baixo os pés
anicados poderemos sentir o seu lene roce

cun asubío fixen pegadas
que agardan impresas
os nosos pasos

non hai horas
e o tempo vaise nunha vocal exhalada

quentaremos as extremidades
co solpor no horizonte
e vibraremos no claro escuro
como as dornas
e a brisa

a esperanza
é un feito xa
por que alén do soño
así é o noso desexo
e na consciencia
figuramos
con palabras minúsculas
con onomatopeias
con instinto na pel diáfana
na súa dureza

agora
déixate caer
este é
o momento oportuno



Segunda-feira, Janeiro 03, 2005

blues

continúo con xestos
o cansado silencio dos paxaros
o voo interrumpido
o decorrer do inverno


Sábado, Janeiro 01, 2005

occidentalización dos aborixes

Nas sombrías terras da Grande Bretaña, na High Street de Exeter, no meu paseo diario, relembrei un concepto que xa introducira nun acto do primeiro cabodano do afundimento do Prestige, nun recital en Fene, organizado por Eduardo Estévez. Non se trataba doutra cousa, senón da omnipresente occidentalización dos aborixes, facendo referencia á destrución das culturas milenarias existentes nos países colonizados por occidente para dar paso á civilización. Levando o caso a Galiza, fixen unha referencia á actual política da Xunta de Galiza, na que se antepón o folclorismo a un tecido industrial forte e que permita o autodesenvolvemento de Galiza. Neste sentido o turismo rural, con paisanos en taparrabos, boina e caxato, fan da nosa terra o indigno lugar de prañideiras que o imperialismo español nos fixo asumir dende tempos inmemoriais.

Neste sentido paseando polas rúas de Exeter escribín: nas palabras que permanecen na memoria hai sempre un ben supremo chamado civilización, obstinado en protexer(nos) os valores que foron impostos civilizadamente, co poder do sangue. Na outra civilización, amparada por min mesmo tan só, existe un decálogo de normas civilizadas que describen como desfacerse dun mundo omnipresente. Como construílo de novo é improvisación.

Días despois escribín:

Libérame das formas
os contidos xa non abundan
confíreme esa túa ansiada dominación
estéril

Desexo máis que nada cuspir por todas partes
con entoación exclamativa
clamando ao ceo
e a outras partes do corpo
civilizadamente
positivamente co estómago enchido da cervexa vital
positivamente peteirando como pardal
sobre os residuos no asfalto

na mañá que observamos dende lonxe
miramos de pendurar, sentados, as pernas sobre o precipicio
logo de perder o equilibrio mirando o abismo