Tito é o Partido, o Partido é Tito e Tito somos todos.
agora que Tito non é máis que un busto, agardo que non se tome ao pé da letra, a min o de cortarme á altura dos ombreiros non me senta nada ben.
mentres escribía esta sentencia dun filme de Emir Kusturica, inquería ao meu sobriño, de apenas un mes de idade, sobre a súa opinión ao respeito de Tito e o Partido. Evidentemente choraba, non sei se por medo a acabar nun campo de traballo ou por que, pero seguro que algunha escura razón rondaba o seu feble pensamento.
en fronte da miña casa hai edificios de vivendas de arquitectura tardofranquista. Da súa fachada penduran todo tipo de prendas, ao máis puro estilo proletario nun filme de Rosselini. Varias señoras departen de fiestra a fiestra, unha cunha rede na cabeza fuma e cuspe o aire dos pulmóns mentres coloca unha man baixo o cóbado do brazo que sustenta o cigarro. A roupa seca é retirada por unha outra señora dos andares inferiores mentres as de máis arriba observan. As paredes grises do edificio reflicten a luz abundante do sol e a escena morre cun silencio xeral e uns berros de Airas preguntando polo seu Tiito.
Quinta-feira, Março 31, 2005
Ración de Tiito
Quarta-feira, Março 30, 2005
remember when...
unha furtiva sesión recordatorio para este case final de marzo.
se cadra, verémenos nunha futura República Independente de Castro Verde, cun puño en alto apertando ben forte a esperanza.
Terça-feira, Março 29, 2005
please, give me some of your love, girld
deitámonos perdidos na tasca
de matriz afumada
de embigos supurando penitencias
como verdades absolutas
recicladas no baixo ventre
o último péndulo cabicha
de puro ébrio
facsimilar
despois de anos de sucumbir á última
cervexa
dúas ou tres vidad despois
de ser un
e aínda miramos atrás
desmemoriados
estar un só
que ninguén ousou tan sequera
un outro
prender coas mans suxas
da terra
e falar de vagar
co ar do tempo nos beizos
e as gadoupas da historia nas palabras
e o péndulo a pendular
e o tempo a decorrer as hormonas
que fican sen alento ao pouco de comezar
replantexándose os plantexamentos
e cavando co pé na areia
a súa propia tumba
Sexta-feira, Março 25, 2005
procelosamente doces
Foi en Quiroga, da man de Xabier Castro, onde coñecín a Lara Bacelo. Presentounos un traballo en audiovisual, do que levo tempo á procura, protagonizado por Kiko Neves e Fran Alonso. Dende aquela, fiquei un pouco prendado dese traballo seu e das espectativas doutros novos. Hoxe, visitando os procelosos vieiros da internet, topeime cun pedaciño dese video. Quedo enormemente emocionado.
Quinta-feira, Março 24, 2005
onde abandonei a Xurxo Borrazás?
Propaganda?
Terça-feira, Março 22, 2005
animal 15
Segunda-feira, Março 21, 2005
horas macaco
Domingo, Março 20, 2005
instauración do día mono mandril
Sábado, Março 19, 2005
Onán parrulo perdido no asfalto
Sexta-feira, Março 18, 2005
Quinta-feira, Março 17, 2005
Botar o mar polos ollos
Quarta-feira, Março 16, 2005
teimamos malia todo
Terça-feira, Março 15, 2005
Servizo Galego de Colocación
Segunda-feira, Março 14, 2005
Minimal IV, última entrega
Espacio escénico: rectángulo 3m x 2m, iluminado debilmente, enmarcado pola sombra, desviado sobre a dereita visto dende o público. Sobre o proscenio á esquerda, iluminada debilmente, rodeada de sombra, a posición de V[1].
Nos espacios pequenos é difícil sorrir, moverse resulta imposible, pero sempre hai algún estúpido. Caemos. Ambos.
Visita breve con intensidade media. A figurante é o pasado, iso vólveme irascible mentres lembro e sorrío. Existe un magnetismo entre ambos corpos. A figurante tampouco se separa. Fala mentres me mira, olla a estrada e volve a min como se temese a miña fuxida na súa ausencia. Malia todo, ama os espacios pequenos. Eu, afágome. Despedida.
Na casa transporto todos os elementos precisos para a subsistencia a unha mesma estancia. Decátome de que todo canto preciso cabe nun só cuarto. Descubro os espacios pequenos. Quentes sempre esperan a chegada do ocupante. A luz é tamén necesaria.
No campo abro con resaca a fiestra, o verde inunda a paisaxe. Miro o interior, a ausencia de mar. As palabras pérdense no vento doutro xeito. Hai sempre máis eco no interior. Os sons, sen destino, camiñan ao redor das fábulas no monte. As árbores pérdense no obxectivo, as cores mestúranse coa nitidez das inquedanzas que desfiguran as formas. Estas mesmas carecen de futuro no interior, como se viñese escrito no cerebro de paquete de cereais de almorzo.
Carece de portas, de saídas, na aridez das xentes mestas, consolidadas no inverno do interior, curtidas pola friaxe, na ausencia de soños entre a néboa.
Camiño tamén eu sen destino como se me debese á súa historia. Non comprendo malia todo, que estrañas forzas me inducen a continuar. Paro fronte as hortalizas, deitadas sobre si mesmas, nunha xeada que fai estación no silencio de un milleiro de mortes.
Contemplo os comedores de patacas, non podendo evitar certo amigable desprezo. Eles tamén emigraron, antes de sucumbir ao subsidio.
Podería dicir que tamén me doe o interior, sangro polas súas superficies como sobre o meu propio corpo.
Saúdame a soidade no negro estandarizado da indumentaria dunha muller, antiga como o mundo mesmo, daquel neolítico ancestral do que garda reminiscencias.
-Seica ha chover. Avisaron onte no parte.
Cómpre gardarse do inverno no interior, porque de falar, lembraríanos a débeda de sangue que contraemos coa primavera, ano tras ano, para volver a el, ao inverno, cheos dunha forza ficticia e insultante que lle nega o seu poder en outubro, volvéndose submisa en decembro, abrindo xaneiro coa esperanza dun novo amencer.
Odio case tanto a esperanza como aos comedores de patacas. Pero non son nada e fico en silencio estudiando as súas formas, as súas palabras de interior entre a brétema. No interior nace o silencio, a desesperación dun silencio que fai entolecer. Odio o silencio máis que a todo o anterior, polo que ten de destructivo, asfixiante tortura nas augas que non flúen.
Penso que no interior todos fan caligrafía. Tardan moito ao escribir o nome e asinar. As rúbricas expresan sempre dúbida e aran o papel como se se tratase do limo das súas eiras. Pido moitos autógrafos no interior. Encho páxinas e máis páxinas ate saciarme e non volver pedir ningún, ou pedilos sen mirar, ausente. Os nomes repítense, sempre. As caras tamén pero prefiro manter o segredo, como se non soubesen que na súa árbore xenealóxica se confunden outras mil caras iguais, de interior imbuído no sangue perverso.
Coido estar sempre de paso nas estancias, coido confabularme coa morte dos tempos, gardando como últimas reliquias as doenzas do interior. Gárdome eu mesmo nelas para volver, cheo de soidades, ao mar en fin de semana.
No retorno vou cheirando a necrofilia pola estrada, nos vehículos que pasan en ambas direccións, porque xa nada está libre do mal.
Vexo figuras nos retrovisores que me din que non estou só. Vexo mortos coa mirada posta nun punto, apenas uns metros por diante dos seus fociños, estáticos. Busco acelerar sempre máis, pero a morte acompáñame, vai por min auspiciada. As figuras levan consigo o gris do inverno. A indiferencia dunha morte lenta gravada nos rostros. Hainos que falan tamén por teléfono, pero nunca sorrín. Tampouco eu sorrío, non levo comigo esa capacidade dende hai anos. Síntoo polos figurantes, dóeme tamén por eles, que asenten sen comprender o significado das afirmacións. Tan só por un motivo, o mesmo motivo que vexo no verde do interior, nas xeadas pernas das prostitutas cando cae a noite na cidade. Eles, que son só quen de intuír unha dor fonda de necrofilia. A mesma que vexo nos corpos que me superan na autoestrada. Unha dor de supermercado baleiro nunha república ex-soviética. Unha dor de figurante perdido entre o fume e o balbordo dun sórdido local na anoitecida luguesa. Unha dor de crianza perdida na nube do inverno á porta do metro de Moscova co nariz enzoufado de pegamento.
Angustia. Na debilidade acaricio misteriosamente unha luz que me cega. Éme imposible cubrirme do resplandor. Acaricio agarimosamente o volante do vehículo cunha man, a outra é un parasol cravado na area. Viñó nunha tarde de vran brillante sobre a auga cristalina.
As formas conseguen enganarme. Como se non puidese ser doutro xeito, volve a min o cerebro de caixa de cereal, un camioneiro robusto con forma de triángulo invertido. Ábrese camiño entre a luz, avanzando pola area dun Viñó ateigado de masas sorrintes. Desexa falarme. Volvo ao parasol como medida de identificación, pero a súa sombra é omnipresente. Sei tan só que sorrí.
Para ver sen trabas
A neve de Ueno
Abre as portas[2]
[1] Aire de jeu: rectangle 3m x 2 m faiblement éclairé, entouré d’ombre, décalé à droite vu de la salle. A l’avantscène à gauche, faiblement éclairé, entouré d’ombre, l’meplacement de V. Quoi òu. Samuel Beckett.
[2] Shooyi akeyo/Uneno no yuki io/Hitome min. Masaoka Shiki
Domingo, Março 13, 2005
Minimal III
Non colecciono os billetes de autobús porque son todos iguais. Para min cada viaxe é diferente. Cando estou na cidade nunca collo o coche, gústame que me guíen segundo unha ruta e un horario. Despois, camiñando, esquézome do tempo e do espazo, dou voltas por onde non hai coches, pero si moita xente, ou non. Tamén vou ao mar e contemplo. Miro para os barcos e lémbrome pescador. Nunca escribo sobre os barcos, tampouco os retrato, prefiro as persoas e outros obxectos, porque me axudan a lembrar que son necrófilo. Os barcos, os barcos están cheos de vida e escapan sempre ao meu obxectivo.
Gústanme as portas e as letras antigas das tendas, dos letreiros, dos anuncios. Retrátoas, escanéoas e escribo con elas palabras que non din nada, pero que son todo.
Raras veces falo, ou falo todo o tempo, en silencio.
Un can tamén defeca ao pé dunha árbore, moi perto de onde o seu dono, bébedo, vomita. Unha señora, en sentido oposto, mira de esguello e tapa o nariz con expresión descomposta. Non moi lonxe, dous mozos danse a man, dous bicos. Despídense.
-Mañana por la tarde voy ir al cine con Patri, pero nos vemos pasado.- Repítome mil veces o nome. Patri. Patri. Patri. Na súa estupidez resúltame irreal.
-...
-No, por la mañana no puedo.
-...
-Mi madre.
Unha rapaza fala polo teléfono subindo o bolso marrón, coa man dereita, ate a articulación do brazo co que sostén o aparello. Peitéase. Un rapaz albino toca ‘Suspiros de España’ co acordeón no portal dun edificio. Un grupo de señoras, con grandes abrigos, sorrín e bótanlle unha moeda na caixa do instrumento. O resto dos que pasean demostran denotada indiferencia. Penso na necrofilia como única saída e suspiro.
Cando estean no fondo, terán todo o peixe que queiran[1].
Cidade. O mar esperando calmo a vinganza do inverno. As pernas de bailarina falan e sorrín, moi pechadas no subconsciente. Camiñamos. Paramos e a friaxe cámbianos o rostro. Derramo cervexa pola comisura dos beizos e síntoa esvarar tamén polas súas pernas de nuclear enfundado na delicada indumentaria do amor a si mesmas, ao que elas poden dar, son quen de ofrecer e ofrecerse, con exhaustiva pulcritude.
Bícoas mil veces. Non se decatan, como se nunca viviran mil veces eses bicos de mil e outros beizos á súa vez. Paseamos.
-A ver parella, unha tapiña? Temos tortilla normal e a especial, con cogomelos e queixo.
Unha especial despois de mil miradas, tamén. Un sorriso prolongado e un silencio facéndolle as beiras ao tempo. Frío. Perdémonos na ausencia de conversa.
-Pois si.- Non son que de insinuar unha retirada sen repetilo varias veces.
Un camareiro pénsanos febles infantes na súa primeira cita, pero son xa sete anos xa de confianza e mil e outras intimidades, incluso. Como o primeiro de todos eses anos, pero sen mans nos beizos, sen descanso. Despedímonos.
Na cidade todo permanece. Outras pernas me acosan polas rúas coa mirada. Sinálanme partes da súa fisionomía que con gusto profanaría. No silencio non deixo de ser home. Ben considerado, son pouco home. Tampouco fumo, ou si, cando presento o meu traballo en público. Desvía a atención.
Hai quen busca prenderlle lume a un auto. Non levo a cámara. Vai frío. Na cidade sempre hai quen pasa frío. Gustaríame poder suxerirlle uns cantos vehículos a quen o lume busca. Curiosamente as autoridades tamén acoden, pero marchan silandeiras trala nosa ocultación. E digo nosa, porque tamén fixen miña a causa, levando unha man á articulación da extremidade oposta.
Na cidade hai sempre quen pasa frío, outra vez. O lume nunca ten sempre a mesma cor, a mesma intensidade nin forza. O xusto nunca é suficiente, o inxusto, por pouco que for, sempre é demasiado. Pena, ao fuxir, desperdiciar tanta enerxía. As lapas confunden a noite, que centra a súa atención. Marabillado hai quen contempla o ceo iluminado. Contemplo. In the mood for love.
‘Subindo as escaleiras, fermosa, eternamente fermosa. Chove e sobre a pedra a auga reflicte as súas pernas. Ao fondo hai quen come, cuberto tan só por unha simple lona’.
Hoxe non chove, pero vai frío. Malia o feito de non chover, sinto a friaxe húmida dos pés sobre a pedra mollada rubindo polas pernas. Non son máis palabra, comezo a carecer de definición.
As autoridades pasan de volta enturbando a noite, disipando a fermosura. Penso que por iso son as autoridades, para o resto está a beleza. Descubro o odio, pero... silencio. Hai quen ri. Un pequeno Azteca fuxe sen demora dos colonos, levando consigo as súas pertenzas. Sorrí. Continúoo coa mirada posta no seu sorriso e fágome cómplice da súa loita. Pasa. Un home bébedo sae con retraso á porta dun bar próximo e cuspe cara fóra.
Non sei onde ir
Sentado
Vertical
En avant
Abordade os coches
Veña esa vasoira[2]
Entre os carnívoros están os verdadeiros comedores de patacas. Cando estas faltan, eles emigran. Na cidade todos son forasteiros, falan idiomas distintos, fan interpretacións diferentes dos mesmos sons e ao final, calan. Sabendo isto, nunca se ten medo na cidade. A escuridade tan só trae as estrelas, as pernas xeadas das prostitutas e o silencio. O día, a necrofilia.
[1] Que ben! Vladimir Maïakovski
[2] Flores de tomate. Philippe Soupault
Sábado, Março 12, 2005
Minimal II
Xa fóra do bar, unha muller mira para min mentres penso todo isto. É maior e parece asombrada. Pola miña parte, xa non teño medo e devólvolle a mirada. Síntome tan valente que meto medo, pero a señora, lonxe de asustarse, sorrí e dáme os bos días. Síntoo polos que din que aquí nunca pasa nada.
Non teño medo, pero tampouco desexo ter unha recaída, así que busco desesperadamente, de rúa en rúa, un cine onde boten algo cun nome exótico, cun cartel sobrio e elegante, pero dotado dun certo enfoque desenfadado, non explícito pero abertamente sensual. Ávido de emocións busco un lugar onde illarme do mundo. O cine. No cine non importa atoparse con miles de persoas, cando a luz no está acesa non existe o temor, sobre todo cando existe unha lei non escrita que obriga a manter silencio.
Na ficción das palabras busco sentirme espeso. Desexaría poder definirme a este respecto. Espeso é denso, significa sentirse colmado dun algo especial.
Despois do cine sempre expreso a miña máis absoluta relaxación, saudando a claridade das luces nocturnas e camiñando. A cidade móstrase como unha revelación e eu actúo como a súa testemuña, un intérprete minucioso de enigmas, dos enigmas da cidade.
A noite tráeme tamén o Terceiro D. Aínda que resulte, se cadra, un pouco pesado, as obsesións son unha debilidade que conduce os meus pasos, aló onde vaia. Adoito pensar que, como debilidade, déixome levar excesivamente por esas obsesións, ate illarme do mundo.
Terceiro D.
-Diga.
-Ola, son eu.
-Que sorpresa! Sube.
O traxecto en ascensor faise interminable e as paredes posúen a capacidade de provocar en min unha angustia infinita.
-Que tal! A que debo a túa visita?
-Estou de paso. Poderías darme asilo?
-Claro. Ceaches? Queres comer algo?
-Non gracias. Preferiría deitarme, estou canso.
-Ben. Eu estaba a piques de facelo. Se agardas un momento pásoche a roupa para que te acomodes no sofá.
Acomódome tentando non facer excesivo ruído. Busco no aire os movementos, os seus, no cuarto adxacente. Con cautela érgome. A porta permanece entreaberta, a súa porta. De costas o seu corpo insinúase por baixo do pantalón frouxo de liño. Por baixo da blusa as mans procuran as xuntas da roupa interior. Moi perto, aínda dentro da súa brillante áurea, o suxeitador cae lentamente e tras del a blusa voluptuosa nas ondas da brisa. Un torso liso descóbrese baixo a tenue e vibrante luz dunha candea. De cara a fiestra, como esculcando uns ollos furtivos do outro lado, uns ollos que amen en silencio os seus peitos nus, uns ollos que respecten o amor dun silencio sen nome, na ausencia, no descoñecemento.
-Pasa, non quedes na porta. Non haberá castigo por acceder á visión prohibida, pero racha o silencio e faite dono da estancia[1], sen preguntas e só por unha noite. Se mañá non lembro o teu nome non alzarei a voz ao ceo na túa procura.
Entro e percorro co meu alento as súas costas.
O durmir, bárbaro, inconstante. Érgome despois do insomnio. Ela esperta despois dunha pinga do meu cabelo mollado sobre o seu rostro. Tento manter o rictus de profundidade perante a indiferencia dela, que dá a volta pechando novamente os ollos.
Unha madalena na cociña, un pouco café frío na cafeteira e sucre. Miro atrás dende a escuridade do corredor. Atópome de fronte co silencio e un lene ruído de resortes no cuarto. Pecho a porta despois de min. Inutilmente tento volver entrar. Esquecín recoller a roupa de cama da sala de estar, o pixama e outros útiles propios do momento. É hora da fuxida. As portas espertan. Fóra, xardín de inverno, defeca un gato sen dono[2]. O frío non ten dono. Naturalmente, enfermo de soidade, sacude as formas da cidade mimando con ansia as expectativas.
Malia todo, ao entrar no coche prendo con presteza a calefacción, sacudo as mans para desprenderme das últimas folerpas de xeada e dispóñome a sacar o abrigo moi amodo, con sensualidade na estreiteza do cubículo.
Na cidade, as meniñas van para a escola. Levo conta de non levalas por diante. Rin estupidamente ao ollarme. Respecto rigorosamente as normas de tráfico. Creo expectación entre os coches que me preceden. Ódianme.
As formas quedan inmersas no tecido da conducción. Soa o teléfono. Deteño o coche, non desexaría ser denunciado por un asunto tan intranscendente.
-Deixáchesme soa.
-Certo. Durmías.
-Odio espertar termando da ausencia. Sosténdoa entre as mans. Co frío do baleiro.
Non respondo e a comunicación córtase. Tardo aínda un anaco en proseguir a marcha. Sinto que me doe o pene. Ás veces dou en pensar nos bonecos representando figuras reais, na maxia e na combinación de ambos. Ás veces sinto que non teño moitas cousas nas que pensar.
Si me víchedes voar, aquí déixovos un pedazo de cola[3]
O asento fáiseme pequeno. Un campo verde, sempre verde. Cuberto por unha fina capa de follas. No contorno unha sebe de pseudoplatanus. Deteño o andar, paro o coche. Toda sorte do obxectos circunda o que foi nun tempo unha praza de estacionamento. Non moi lonxe, nun vehículo como outro calquera, un home durme sobre o asento do conductor, visiblemente inclinado. O peito cheo de faragullas, semella pan. Na comisura dos beizos, restos dalgún tipo de carne. Fixo a ollada sobre o pasto. Identifico sen dificultade as follas palmadas, ocres, dun marrón definido entre o verde. Volvo en min moi amodo. Abro todas as portas do coche, sinto que o aire abafa. Preciso un algo máis, un algo máis que descoñezo. Abro as portas, sento onde o conductor e tiro fóra os zapatos, os calcetíns. O chan permanece frío e húmido baixo os pés. Odio poñer o calcetín co pé mollado. Pecho as portas. Acendo a calefacción. Acendo o motor. A fame acúdenos a ambos. Unha estación de servizo para uns cantos octanos de sucre e combustible. Hai días nos que o sal fai dano.
Sexta-feira, Março 11, 2005
Minimal I
Teño algo de febre. Estes días xa non andaba moi esperto, pero hoxe definitivamente fóronse as poucas forzas que me restaban.
Como non teño moistas ideas e as enerxías que teño van para curar esta merda, déixovos, por entregas, este relato: Minimal
Sen disturbio ningún, na rúa camíñase creando indiferencia. Coches que pasan, de cando en vez pitan e acenden as luces a peóns despistados, a outros coches con conductores despistados, agoniados polos diferentes pesos da vida, ou borrachos, ludópatas... penso que todos somos un pouco necrófilos, morrendo e amando sempre a morte, burguesa.
Terceiro D, aproxímome. Temo tanto a indiferencia como o exceso de celo dunha rúa chea de medos, de paranoicos virándose psicópatas co paso das xeracións e eu, parado, tremendo, consciente do delicto que todos perciben, que non son quen de ocultar.
O medo lévame a aproximarme. Terceiro D. Máis e máis perto. Terceiro D, Terceiro D, Terceiro D. O medo lévame a continuar camiño, alonxándome axiña.
No Terceiro D perdo o subconsciente, resultando ser toda canta resposta acerto a ofrecer.
-Son vinte con corenta e cinco. Precisa unha bolsa?
-Terceiro D.
Cando ao fin descanso, cando ao fin son quen de ofrecerme ao lecer, míntome, ou non, sobre o contido dese Terceiro D, nunha rúa que non son quen de lembrar. Fíxome nas súas pernas núas con calcetín groso de la, e o cuíño e as coxas cubertas por un xersei longo. Despeiteada, camiñando polo parqué quente de chan radiante. Un can... ou mellor, sen el.
Apenas cincuenta metros na mesma rúa, nun tal Rock’n Roll, ideal para amantes dos currunchos escuros. Ben perto da porta, un refresco ben frío, por non dicir xeado, sácame o medo. Tremo. Un pito, se tivese un pito. Sei que non fumaría máis dun, polo que me nego a erguerme, solicitar as moedas soltas do peto da perneira dereita do pantalón e introducilas na máquina de tabaco, xusto en fronte de min, chamándome como nunca antes.
-André
-Perdoa, coñecémonos?
-Non.
-Logo desculpa, non adoito falar con descoñecidos.
-André, son eu, paspán! Con quen crías que estabas a falar?
-Terceiro D.
-Como?
-Ah, coño! Desculpa. Collíchesme abstraído, pensando noutra cousa. Que sorpresa! Que fas ti por aquí?
-Agora vivo ao final da rúa. Teño un traballo como camareira nun local do Franco. Xusto mentres non atopo outra cousa. Estaba ate o cu de vivir cos meus pais, sempre dando explicacións e toda esa merda, xa me entendes.
- Logo, acabaches?
-Si, xa hai dous anos. Quedábame unha máis o proxecto. Estiven chapando a dios, mentres facía o proxecto sobre unha fábrica de salchichas. Todo un ano enclaustrada. Logo outro de parada, agardando facerme un oco no mundiño dos enxeñeiros, pero...
-Xa vexo.
-E ti, a que andas?
-Estou en Vigo.
-E logo, por aquí?
-Agora disque son un artista, veño unha vez á semana a promocionar as miñas fotos, entre tanto intelectual.
-Borrachos e desesperados? É broma. Non tiña nin idea de que te adicases a iso.
-Eu tampouco.
-Hostia, mira que hora é! Encantada de terte por aquí. Por que non quedamos esta noite e falamos. Agora teño que marchar. Entro no curre en media hora.
-Non, mellor outro día.
gardo nas sombras
as nubes
baixo os pés
a inquedanza nerviosa das impresións
da vida sobre a pel
son eu mesmo a historia de todo un pobo
nas miñas xemas os seus humores impresos
na miña identidade exhalada
o seu alento
comigo vive e morre a esperanza
como a memoria
Quinta-feira, Março 10, 2005
as mil horas
doe un pouco cando o frío ebrio
das lousas chega ao esfínter
por medio do pantalón vaqueiro
a escaleira sempre sempre permanece lixada
por moito que un pretenda limpala
quedando cun horrible cheiro a desinfectante
e ao po da vida que a foi erosionando
para facer cavernas na súa superficie
abrupta xa
formando un ecosistema propio e particular
doen as horas na escaleira
Terça-feira, Março 08, 2005
búscase editora audaz para poemario breve
Chámase 'As mil horas' e carece de vicios coñecidos. Cálido e sumiso. Prégase certa predisposición para o entendemento.
Se isto non funciona e, como se trata dun poemario para o que se precisa unha visión de conxunto, non o podo colgar na rede por partes, todos e todas aqueles/as que teñades interese mandádeme un correio solicitándoo. Se non mo mandades é probable que vos chegue de todas as maneiras, así que portádevos ben e que se note que hai certo aprecio pola poesía.
Berlín
Onte atopei Berlín en Compostela. Fun comer con Branca e ela agasalloume co Berlín de María Lado. Unha edición de poetas en Compostela que se entrega con El Correo Gallego. Todos aqueles/as que non sexades de Sant-Iago, sabede que estades a ler correctamente, El Correo Gallego. Eu tampouco o cría, pero é certo, positivamente.
o día abre mercerías e ultramarinos
e nós aquí
ao sol deste poema,
neste anquiño de ceo que recortan as antenas,
saudando os tellados vermellos dos veciños
e abastos
que toca a mediodía,
coas nosas cancións favoristas.
mira como dende o ceo
só sabe ser pequena
a cidade,
que cabe na presada de aire que preña as cortinas
María Lado. Berlín
Sábado, Março 05, 2005
Rozes
Un blog francés, non é que teña idea do que nel se di, pero gustariame poder dicirlle:
desexaría entenderte!
porque non leva tomate a empanada de zorza
A coisa mais bonita que temos dentro de nós mesmos é a dignidade.
Eliane Pontiguara
O Lau Siqueira sempre ten a ben mostrarnos autores e autoras interesantes, esta é unha muller do Brasil que escrebe pola defensa dos dereitos indíxenas.
A vida fica muito sem graça quando estou sóbria. Não. Não sou alcóolotra, muito pelo contrário: sou o tipo da pessoa que nasceu para não beber...
Suzi Hong
Certo que hai que ser quen de apreciar un Cabernet Sauvignon chileno da safra de 1998, como hai que saber apreciar que con ghaseosa ou cola sabe moito peor, pero o humano foi igualmente quen de inventar o kalimotxo.
En Compostela hai un lugar onde dan marisco de tapa, en Ferrol chamábamoslle minchas, claro que en Ferrol tamén tiñamos as parrochas... a empanada tamén estaba boa en Ferrol, aínda que depende, todo depende, no sul bótanselle pasas e está peor, pero tamén se come.
vos que disimulades atención
pois quero nacer camiño da casa,
quero diluir o sangue unha vez máis
fuxindo con presa de xanelas a trasluz
na homenaxe arquitectónica
ao feixismo irreparábel