Quinta-feira, Julho 28, 2005

fronteiras

despois do día da carne, case que, ao ver o que dá de si, estou por cambiarme ao leite.
o malo son sempre as fronteiras, esas que un se marca, como escapando do mundo. Pero para iso un tamén se fai poeta, para ter onde ir cando non se quere estar en ningures.
Non vou renegar da carne, porque adoezo por ela, incluso cando xa vou farto sinto unha atracción estraña, que me impulsa a continuar, pero o leite, iso si que marca a diferencia. Lembro de cando neno, as tardes, despois de xogar durante horas ao futbol cos compañeiros e compañeiras do meu barrio, volvía para casa e tomaba un vaso de leite ben frío da neveira. Pero non era como agora, que un compra leite en brick porque non pode andar todos os días a compralo fresco, senón que se trataba dun leite do día, dese que sabe aínda ás mans que muxen, a caldeiro de aceiro inoxidable, a forraxe, a millo... daquela daba gusto. Despois de engulilo, un sentíase mellor consigo mesmo, como nesa eterna paz que transmiten as vacas.

Quarta-feira, Julho 27, 2005

xata con patacas

cómpre tamén facer un día da carne (compría facer un do leite, que se nos vai) pero o da carne ten outro tipo de connotacións dunha intensidade, se cadra, maior, alén do meramente dixestivo. Hoxe para min, e despois de moito tempo, vai ser o día da carne. Xata con patacas. As outras connotacións van sen guarnición, polo menos fritida. Porque para tempos de escaseza as humanas necesidades, chamadas fisiolóxicas, non teñen un silo posible, polo que de comer faise mentres hai, e cando non... xexún, que vai máis acorde cos cánones da estética actual.
E logo dirán que a fame ten algo de poético, pero a fame non fai o poeta, sendo o poeta o que fai a fame, aínda que cómpre non deixarse enganar polo feito de que haxa máis poetas que xente a comer, que iso vén dado máis por unha cuestión de liberalismo económico que pola inspiración e a poesía, xa que é ben sabido que cando os poetas se xuntan a comer, comen primeiro e recitan despois, que é de moi mala educación falar coa boca chea. Que non estou dicindo que sexan 'uns cheas', que tamén, pero en menor medida.
En fin, chega o momento, é a hora, xa o estómago está a facer o seu traballo, as glándulas salivares producen saliva... ben, que todo funciona como debera, segundo o seu destino pauloviano.

Terça-feira, Julho 26, 2005

sen un intre de calma

non vou negar que foi unha sensación estraña a de ter entrado nun lugar onde horas máis tarde só había un fondo boquete. Pero independentemente diso, para non facer a crónica estúpida da páxina de sucesos de calquera xornal mediocre (que por outra banda é o que hai neste e nnoutros paises), cago na hostia! quixera saber a que andamos a pensar. Nunca coidei que o independentismo adicase o seu tempo a facer ese tipo de artefactos, pero vaia carallada, e non polo caixeiro que pena non me dá, pero o que si é triste é que con cada unha desas caralladas os dereitos inalienables do individuo vanse para o carallo, estas cousas serven de desculpa á dereita para dicir que fai falla 'seguridade', se meteran a seguridade... Tan estúpido me parece todo isto que preferín pensar que fora a propia dereita a que fixera tal cousa, para continuar coa política do medo, que parece ser a que máis rendemento político está a ofrecer.
Polo demais, uns días de descanso, para durmir e comer ben, para ir de concerto en concerto, recomendo La Phaze, xa que facía ben tempo que non disfrutaba tanto dun cocerto.
E pouco máis, tan só o seguro das vacas que chama.

Sexta-feira, Julho 22, 2005

entre forraxes

o millo cortado 0.75 m de altura proporciona un maior valor enerxético que cortado a rentes do chan, aínda que menos fibra.
o outro día comín, por vez primeira, os cereais deses do almorzo con alto contido en fibra e sentinme vaca por un intre. Aghora estou pensando en facer un silo de leite con galletas.

Terça-feira, Julho 19, 2005

desviacións sistemáticas

dez da mañá. A pantalla do teléfono perdeu algún píxel máis dende onte e son incapaz de recoñecer o número da oficina da Seguridade Social, onde unha voz feminina invítame a marcar o 10, nun castellano moi de Compostela.
penso na noite entre as sabas, tamén penso nunha cifra ao carón do meu nome sobre o papel timbrado dunha aseguradora. Non sei por que non me sorprende o valor pola miña morte. Non saben da quentura das sabas, das salgadas humidades, dos momentos de risos, das soidades que por momentos invitan á reflexión...

Sábado, Julho 16, 2005

10 anos


este ano, cúmprense dez anos de moitas cousas: o meu primeiro premio literario (coido que o de Dornedá, cunha especie de obra de teatro chamada 'a gardería'), conquerir o carné de conducir, así como carnés de organizacións varias...
Pero como os carnés, cómpre saber se estou de renovación ou sinxelamente caduco.

Dúas fotos e DEI vello!

coas novas fotos se cadra cómpre abrir unha nova etapa. De pelo longo, barbeado...

Quinta-feira, Julho 14, 2005

carne

Quarta-feira, Julho 13, 2005

matinando


'Unha das grandes vantaxes de ser muller é que podes pasar ao lado dunha negra moi guapa sen desexar convertela nunha inglesa'
Virginia Woolf

Terça-feira, Julho 12, 2005

lugo (2002)



recuperando esas fotos do meu tempo en Lugo. 'Hai cincuenta anos nada era diferente'

Segunda-feira, Julho 11, 2005

astra

unha recomendación de Nana.

Domingo, Julho 10, 2005

a ver homiño, a ver!


'[...]pense o que eu e outra xente fai sexa do mellor que se escribiu nesta mediocre literatura.'
David Souto
e xa para rematar con esta discusión, porque eu para estas cousas sonche un desastre, e máis cando teño que falar sobre cousas que me interesan máis ben pouco.dende que teño uso de razón, do que hai ben pouco tempo, veño defendendo unha poesía sinxela, desa de poucas voltas retóricas, onde o autor se mostre tal é como é, sen medos nin prexuizos. Para min, e enlazando cun post anterior, Lupe Gómez ten esa virtude, fai da súa poética unha lectura amena, onde ollar para a autora de fronte e onde verse reflectido/a de ser o caso. Por exemplo, en 'Fisteus..' en narrativa, fai unha descipción dunha realidade que, evidentemente, non todos/as estamos capacitados para entender en toda a súa magnitude, pero forma parte da actualidade deste país, polo que resulta un documento de valor incalculable, tamén para as persoas as que esa outra Galiza as colle un pouco alonxadas.
Agora ben, eu que non son filólogo e teño cousas mellores que facer que adicarme á anilise formal de textos literarios, guíome exclusivamente pola subxectividade para crear un criterio propio, polo que se fago algunha crítica a poetas do tipo 1, é porque segundo meu criterio propio son pallas mentais destinadas máis como literatura de poetilla a poetilla, que de poetilla ao mundo circundante. Sinto se non me interesan as eruditas charlas sobre temas trascendentes na literatura, sinto se non disfruto de cuestións filolóxicas alén da mensaxe, pero fun por ciencias.
Como lector, paréceme estupendo que existan 'pallistas' de todos os tipos, pero sinxelamente teño a suficiente capacidade para crearme os meus propios gustos literarios, e desa base é da que humildemente parto.

Sábado, Julho 09, 2005

bob coulter

Quinta-feira, Julho 07, 2005

visual

Quarta-feira, Julho 06, 2005

poética dos noventa

Os noventa ou máis.
ando á procura dese 'Pornografía' de Lupe Gómez que se vai entregar con El Correo Gallego.
Lembro telo lido hai moitos anos. Agora entérome que debeu ser polo '95. Lembro tamén outras cousas.
Na súa sinxeleza marcou a pauta do que sería para min a poesía (sen afondar no resto de aspectos a avaliar).
Estou, por tanto, contento por conquerir o que daquela me fora imposible (lino de prestado), malia que non sexa o mesmo.

Terça-feira, Julho 05, 2005

redes e capturas


e disque foi o ghol.
estes días a falar de diversos temas do eido cultural, dáme por lembrar as redes, (daquela que deixaba barba de cando en vez). Tamén lembro outras cousas e as razóns que me levaron a marchar, camiñar por outras cauces, que viñan sendo as mesmas, pero preservando o todo no que cría e continúo a crer.
a cuestión é que tanto debate reabre o apetito, pero sempre de algo novo, para non redundar na caída. Porque cómpre estar onde se comeza a esquecer a palabra. Ao fin, o embigo témolo moi visto.

Segunda-feira, Julho 04, 2005

e agora, que?


E non cómpre falar moito que despois todo se sabe. Na política, e sobre todo nun país pequeno coma o noso, todo acaba saíndo á luz. Incluso aquelas posturas máis intransixentes teñen a súa vertente máis racional no subconsciente dalgún político (profesional).
Por outra banda,Na intimidade sempre hai quen se confesa e di o que verdadeiramente pensa. Pero ao mesmo tempo, aí se marca a verdadeira diferencia entre opcións políticas ou individuos políticos. Están os que saben confesar os seus pequenos pecados e os que negarán ate a morte os seus máis grandes delitos.
Tamén están os que veñen e os que marchan. Dos últimos xa coñecemos o seu grao de corrupción, dos outros fáltanos saber o seu grao de coalición.
A miña dúbida verdadeira é se triunfará ou non a ideoloxía fronte á traición e ao populismo socialdemócrata.
O da ideoloxía todos sabemos que é algo utópico xa que, abafados polo neoliberalismo, dificilmtente podemos pretender sairnos da norma,pero cando menos agardo que podamos manter a esperanza, malia todo.

Sábado, Julho 02, 2005

un ano



podemos sacarlle semellanzas.









un día como hoxe de hai un ano comezaba este blog.